Galician English Spanish

II Campamento Musical BXB

É na época estival cando a Banda de música Xuvenil de Barro ten unha maior carga de actividade, debido principalmente á maior carga de ensaios e ao aumento das actuacións en festas e romarías. Por este motivo, dende a Xunta directiva da asociación Cultura e Xuventude de Barro sempre se intenta organizar actividades recreativas para os músicos, coa intención de que os músicos desta agrupación poidan vivir experiencias novas e diferentes.


Así pois, a Banda de Música Xuvenil de Barro voltou o pasado sábado dunha intensa xira por Asturias, onde participou na celebración das festas na Honra de San Timoteo en Luarca, ademais de participar na “XIII Semana Internacional de Música y Folklore” en La Caridad, onde obtivo un gran éxito entre o público asistente aos concertos.

 

Pero a actividade da Banda Xuvenil de Barro non para aquí, pois apenas unha semana despois de regresar desta xira por terras asturianas, volvemos facer as maletas para disfrutar do “II Campamento Musical de Verán BXB” que terá lugar en Tui entre os días 3 e 7 de Setembro. Nesta ocasión a expedición estará formada por mais de 50 músicos que serán acompañados por monitores de tempo libre, mestres e membros da organización que se aloxarán no Albergue Marista de Tui. Ademais de disfrutar das instalación desta residencia, os participantes poderán coñecer novos lugares, sen esquecerse das actividades musicais que ocuparán gran parte do día: clases individuais, ensaios parciais, e o mais importante, ensaios da Banda de Música para preparar o repertorio que interpretarán no XIII Certame Provincial de Bandas Deputación de Pontevedra.

En palabras do director da Banda de Música, Alberto Busto, “este campamento serve para que os músicos de Barro de todas as idades disfruten de actividades musicais e lúdicas comúns que complementen aos ensaios da Banda”.

 

Para Jorge González, presidente da Asociación “Cultura e Xuventude de Barro” o campamento é “unha semana chea de actividades tanto lúdicas como culturais, onde o fin non é somentes ter ensaios intensivos, senón a confraternización dos membros da agrupación”